Asociación Galega de Educación para a Saúde

Artigo

 

Artigo publicado na revista Saudiña.  1997; 4: 10.

 

Diminuíndo desigualdades

L. Maceiras

Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Facultade de Medicina, Universidade de Santiago de Compostela.
Asociación Galega de Educación para a Saúde.

 

INTRODUCCIÓN

       Cando nos solicitaron a organización dun curso de formación de formadores, para un grupo de trinta profesoras e profesores, sobre Educación para a Saúde na Escola e nos pediron un tema orixinal..., démoslle voltas á Promoción da Saúde, como caixón de xastre dentro do que está metida a Educación para a Saúde, e decidimos entrarlle á 'reducción das desigualdades en saúde', non en sanidade, senón na expresión cotiá da vida saudable, tanto a nivel persoal como social.

       Partimos dunha base: para conseguir esta reducción, hai que diminuír tódalas desigualdades: sociais, culturais, étnicas, económicas, de accesibilidade ós bens e servicios, etc., así elevarase a calidade e o nivel de vida, aumentando con eles a saúde, sen necesidade de incrementa-lo que é estrictamente o coidado sanitario, nin depender continuamente de fármacos. Non sempre uns bos servicios sanitarios van acompañados dunha boa saúde para toda a poboación.

       Optamos por centrarnos nun campo concreto (seguindo a estratexia da OMS: 'Pensade globalmente, actuade localmente') e isto levounos á realización dunha 'Análise das desigualdades na Literatura Infantil e Xuvenil'.

 

OBXECTIVOS

1. Presenta-lo concepto promoción de saúde.

2. Aprender a identifica-los problemas e conflictos que poden causa-las desigualdades físicas, psíquicas e sociais, e as súas repercusións sobre a saúde.

3. Desenvolve-la capacidade de lectura crítica.

4. Profundizar na análise da transmisión de conductas e de posibles desigualdades por medio da literatura, e a influencia que isto pode ter desde a nenez sobre os comportamentos das persoas, de tal maneira que poida dar lugar a discriminacións.

5. Identificar estratexias de intervención sobre este tipo de desigualdades, desde a Educación para a Saúde, por medio da lectura.

6. Desenvolve-la capacidade comunicativa, tanto escrita como verbal e gráfica, como medio de entendemento entre as persoas.

 

MÉTODOS

       Utilizamos métodos participativos, con:

a) Sesións teóricas dialogadas.

b) Presentación de experiencias.

c) Debates.

d) Traballo de grupos (as persoas asistentes dividíronse en cinco grupos para reflexionar, discutir e expoñer despois as súas ideas e intereses).

e) Talleres de técnicas.

       O lema era "¡Sorprender coas actividades!", para logra-la motivación a través delas.

 

CONTIDOS

       Para desenvolve-los nosos obxectivos de identificación de desigualdades partimos:

* Dos dous primeiros artigos da Declaración Universal de Dereitos Humanos:

Artigo 1. Tódolos seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros.

Artigo 2. 1. Toda persoa ten tódolos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, color, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.

2. Ademais, non se fará distinción algunha fundada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio do que dependa unha persoa, tanto se se trata dun país independente, como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía.

* E doutros dous artigos da Constitución Española:

Artigo 14. Os españois son iguais diante da lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Artigo 16. 2. Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas.

 

RECURSOS

       Para traballar esta temática cotidianamente con nenos e xoves, deben utilizarse os libros que len habitualmente eles, así que elaborámo-la nosa propia bibliografía, e utilizamos tamén outras xa existentes:

       O Ministerio de Asuntos Sociais ten promovido os programas 'No marques diferencias' e 'Todos iguales, todos diferentes', nos que se incluían datos de libros e películas cos que tamén temos traballado.

 

CONCLUSIÓNS

       Damos por sentado, por suposto, que o dereito á diferencia asístelle a todo o mundo, pero non por ser diferentes, as persoas poden ser discriminadas nin tratadas de forma desigual.

       Por outro lado, traballa-la autoestima, sentimentos de identidade, confianza nun mesmo, toma de decisións e asunción de compromisos persoais e de riscos, con nenos e xoves, é un bo camiño para chegar a clarificar as relacións cun mesmo e cos demais de cara a conseguir unha boa Saúde Mental, Afectiva e Relacional.

       As persoas que estabamos no curso (tanto docentes como discentes) non podiamos imaxinarnos o que ía a dar de si o tema ata que o fomos desenvolvendo, con que, ó final, interiorizámo-lo lema: "Traballa, que algo queda".

       É importante atreverse a facer cousas raras e romperse un pouco a cabeza cos temas orixinais, se non abrimos camiños, nunca chegaremos a lugares novos, ou, polo menos, pouco visitados.

 

Despois de publicar este artigo, fixemos a seguinte BIBLIOGRAFÍA.

 

Portada