Asociación Galega de Educación para a Saúde

Artigo

 

Artigo publicado na revista ADAXE. Revista de estudos e experiencias educativas.  1992; 8: 137-52.

 

Da Educación Sexual para a Saúde á Saúde Sexual pola Educación

L. Maceiras (1) / A. Segovia (1)

(1) Asociación Galega de Educación para a Saúde.

       Desde a Asociación Galega de Educación para a Saúde decidimos abordar esta temática na escola. Esta elección foi bidireccional:
   a) Por unha banda, nós considerámolo un puntal importante na formación dos escolares.
   b) Por otra banda, é un tema solicitado por alumnos e pais.

       Dende a perspectiva de :

 

       Escollimos como

ESTRATEXIA :

a Educación para a Saúde.

       Para conseguir Promoción de Saúde.

 

       Abarcamos tres poboacións diana: segunda etapa de EXB, escola de pais e medios de comunicación.

       Pasamos a describir a continuación as respectivas experiencias.

 

PRIMEIRA

 

POBOACIÓN DIANA

       Segunda etapa de EXB dun Colexio Público da provincia de A Coruña.

 

OBXECTIVOS XERAIS

       Lograr:

       * Por parte dos educadores: Unha mellora do traballo habitual por medio dun equipo interprofesional e multidisciplinario.

       * Por parte dos educandos:

       a) Unha autoeducación-autoformación por medio do traballo en equipo e a reflexión (aprendizaxe crítica, constructiva e compartida).

       b) Acceder a unha información e formación efectivas e adecuadas, sobre a importancia da sexualidade e do desenvolvemento armónico integral e integrado da persoa para lograr a súa madurez con vistas á plenitude de vida e á dignidade persoal e colectiva.

 

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS E CONTIDOS

       1.- Dedicarnos ós temas que interesan realmente ós alumnos.
       Non quixeramos quedarnos simplemente en consideracións biolóxicas, xa que o desenvolvemento sexual da persoa se realiza de forma paralela ó seu desenvolvemento xeral. A responsabilidade educativa da escola non consiste só en sumunistrar coñecementos e desenrolar actividades, senón tamén en asegurar o progreso psicolóxico dos alumnos. Non podemos quedarnos atrás nin chegar máis tarde ós temas que son o seu centro de interese, nin ó cómo e por que deles; nin podemos, por outro lado, forzar o seu propio ritmo, acelerar a súa madurez ou sensibilidade.

       2.- Favorecer as relacións e comunicación interpersoal de xeito que funcionemos dende a perspectiva "ideas claras con palabras claras".
       Chegámolo a convertir nunha máxima de tódalas actividades. Desde a linguaxe popular ata a científica. Sen expresións rebuscadas, sen eufemismos, sen linguaxe farisaica. O vello concepto de que "todo o sexual é malo", tabú, prohibido, intocable..., leva a non chamar ás cousas polo seu nome...; sen caer nas charlas ex-cátedra, que ás veces ocultan os nosos propios medos, inseguridades, desagrado ou falta de seriedade, incorporamos á nosa linguaxe habitual un vocabulario sexual non discriminatorio, preciso; falamos da sexualidade con naturalidade e dignidade.

       3.- Asegurar a adquisición de coñecementos anatómicos e fisiolóxicos:
               - aparato xenital masculino
               - ciclo sexual do home
               - aparato xenital feminino
               - ciclo sexual da muller

       4.- Axudar á clarificación da inter-relación humana e das súas consecuencias para un mesmo e para os demais:
               - sensualidade / sexualidade
               - unión sexual

       5.- Coñecer o desenvolvemento dunha nova vida:
               - fecundación
               - embarazo
               - parto
               - post-parto

       Nestes tres apartados (3, 4 e 5) abordamos información e formación sobor da sexualidade: aspectos biolóxicos, psicolóxicos, sociais, éticos e relixiosos.

       Dende a perspectiva das funcións da escola en educación sexual... :
   # Proporcionar coñecementos obxectivos, rigurosos e completos.
   # Formar hábitos de comportamento adecuados.
   # Favorecer a toma de actitudes responsables.
   # Axudar a crear personalidades humana e socialmente espontáneas, creativas e ceibes.

...analizamos e profundizamos en :

   * A sexualidade como forma de comunicarnos e relacionarnos, de expresar afecto e tenrura, de xogar e experimentar placer, de sentirnos, de vivir en plenitude, de obter saúde.
   * Participa todo o corpo; espertar e estimular os sentidos.
   * Hixiene e limpeza adecuadas de todo o corpo, tamén dos xenitais.
   * Distinguir entre desexos, sentimentos, sensualidade, xenitalidade, amor, amistade, reproducción...
   * Que produce o desencadeamento fisiolóxico do orgasmo e que supón a actitude conscente, comunicativa, afectiva... O importante na vida ¿é saciar as necesidades? ¿é realizarse como persoas?... tamén nisto a sexualidade funciona como un todo co resto da persoa.
   * Non somos seres sexuais, somos seres sexuados. Non temos un corpo, somos un corpo. A sexualidade forma parte da persoa dende o nacemento e está presente no seu proceso de socialización; non pode apartarse do resto dos procesos da vida. É algo dinámico, vívese de distinta maneira en cada etapa da vida.
   * Elaborar criterios propios sobre sexualidade que axuden a tomar decisións válidas para un mesmo e para os demais, con independencia dos prexuízos sociais e das modas. Responsabilidade e creatividade na solución dos problemas que provoca a sexualidade.
   * Ética nas relacións humanas: as conductas sexuais (coma outras) implican ós demais, hai que telos en conta. Capacidade de analizar e prever as consecuencias dos actos: inmediatas e lonxanas, sobre un mesmo e sobre os demais.
   * Papeis feminino e masculino na nosa cultura. Igualdade intelectual, social e política. (Neste punto pódese interconectar con outros dous temas moi interesantes tamén: a 'Educación Non sexista' e a 'Educación para a Paz').
   * Cando se quere a alguén se comparten afectos e problemas, e se procura resolvelos en común.
   * Importancia dos aspectos da paternidade e maternidade, asumir responsabilidades e sentimentos compartidos. Planificación familiar.

       6.- Prestar especial atención ós temas que mais lles preocupan: é a forma de lograr a motivación e a aprendizaxe significativa.

       Preguntaron sobre:
               - enfermidades de transmisión sexual; é o tema que máis lles preocupa, a moita distancia dos outros; posiblemente polas características socio-culturais da zona: xente de mar, pescadores de altura que pasan moito tempo fóra dos seus fogares; posiblemente tamén porque é unha temática que necesita máis cás outras un enfoque médico, e solicitan continuamente a súa ampliación e profundización nas charlas coa médica e nas clases. Elaboramos un folleto informativo.
               - anticoncepción
               - homosexualidade
               - cambios físicos e mentais da pubertade
               - Outros: interesáronse tamén por: machismo/compartir as tarefas domésticas, esterilidade, impotencia/frixidez, criptorquidia, orgasmo, menopausia, aborto, partos prematuros, nenos probeta, tabaco, alcohol e medicamentos durante o embarazo, exercicios das embarazadas, parto sen dor, cesárea, xemeos (este é un tema que, ante o noso asombro, os ten intrigadísimos... ¿dous ó precio dun?...), subnormalidade/nenos anormais (incidiron bastante nisto).

       ... E... as inevitables preguntas de...
               — ¿por que non é máis amplo este tema na idade escolar?
               — ¿por que non se fala das enfermidades de transmisión sexual?
               — ¿o rapaz de 14 anos pode embarazar á rapaza de 13 anos?
               — a primeira visita ó médico
               — ¿a que é debido o medo a falar destas cousas?

... supomos que se refiren non só ó colexio, senon tamén ás súas familias...

       Para traballar en grupos escolleron os temas:
   Grupo 1) Relación chico/a; adolescencia.
   Grupo 2) Virxinidade; amor e desengano ós 14 anos.
   Grupo 3) Masturbación; prostitución; relacións prematrimoniais.

       7.- Analizar as ideas personais e sociais que hai sobre sexo e amor:
               - reafirmar e potenciar as positivas
               - criticar e desmoronar as negativas
       Ademais de lograr así a construcción do coñecemento, isto é moi importante porque a vivencia da sexualidade vai repercutir sobre a aceptación de si mesmo e dos demais, a comprensión do corpo, facilidade ou incapacidade para comunicarse coas outras persoas e para establecer relacións afectivas con elas, etc.
       Os mitos, prexuízos, conceptos erróneos, falta de información... poden levar a medos, bloqueos, desequilibrios emocionais ou consecuencias desafortunadas, que non teñen por que producirse. O concepto de que "o principal órgano sexual das persoas é o CEREBRO" é moito mais real do que ás veces nos cremos.
       Esta revisión equilibra o interese do adolescente pola sexualidade, axúdalle a valorala e a vela como unha parte mais dun conxunto, formado tamén pola autoformación, relación cos demais, sentido da vida, sociedade, política, deporte, naturaleza, música, etc. A 'crise' pola que están pasando atenúase se desculpabilizamos, desmitificamos, desdramatizamos e limpamos a temática do sexo, se a viven sanamente.
       Queremos axudar a formar actitudes positivas con respecto á sexualidade, e a elaborar criterios propios que, por outra banda, eles irán avaliando continuamente, e comprobando a influencia nas súas actitudes e vivencias do "que dirán", "faino a maioría", "sempre foi así", "é o normal"... e o que poden presupoñer as normas culturais sen fundamento científico pero que a xente eleva a verdades absolutas.
       Queremos apoiar a asunción da imaxe corporal e da sexualidade, a superación de inseguridades, desigualdades..., a reorientación das súas vidas...
       É fundamental que os educadores manteñamos e defendamos nos nosos intercambios verbais e non verbais cos alumnos, posturas claras e firmes sobre a sexualidade.

       8.- Animalos a enfrentar con realismo e valentía os seus temores, medos, falta de comunicación con pais e profesores, etc.
       Que pregunten sempre TODO o que queiran saber, e se alguén non lles contesta, que recurran a quen saiba e quera facelo.
       O feito de que establezan un diálogo sobre as súas preocupacións, os seus sentimentos, a sexualidade..., de que se cree un clima de confianza e naturalidade, é máis importante ás veces (sobre todo na familia) que a calidade das respostas. Moitas veces os seus pais non lles responden ou fano con evasivas, imprecisións ou desgana porque non se cren preparados, non porque non queiran facelo, é importante que os nenos entendan esta diferencia, e que tódalas persoas somos froito dunha educación non sempre liberadora. Outras veces cremos que nos faltan contidos sobre sexualidade para conversar ou responder, cando realmente estamos transmitindo inconscentemente en todo momento actitudes sobre sexualidade (educamos máis co que facemos, que co que dicimos), (a isto chámaselle Educación incidental ou non intencionada).
       A educación sexual empeza sempre no seo da familia; nela o neno descobre o seu corpo e ten posibilidade de comparalo co do outro sexo. No fogar poden comezar as prohibicións e a vivenvia parcializada do corpo.
       É fundamental a comunicación dos adolescentes cos adultos para contrastar as súas experiencias, sentimentos e pensamentos. Se non encontran explicacións nin ganas de dalas ou buscalas xuntos, buscaranas á través doutras canles, e poden obter unha información-formación parcializada, incorrecta e errónea, que alimente actitudes negativas.
       Dato importante: a intervención dos pais na educación sexual non alcanza a mais do 20% dos rapaces, quedando o 80% restante á mercede doutras fontes de información: amigos, medios de comunicación, libros, revistas...
       Hai que ter tamén en conta que os adolescentes viven mais en pandilla que en familia, e as súas vivencias solen ser: "a familia é criticable, a pandilla é criticona".

 

METODOLOXÍA, ACTIVIDADES E RECURSOS

       Na clase de ética díceselles ós alumnos que escollan os temas que queren tratar, e, entre eles, xurde 'A Sexualidade'.

       Despois de varias sesións traballando esta temática en pequenos grupos a partir de: exposicións do profesor, noticias dos medios de comunicación, bibliografía, etc., o profesor considera que pode ser enriquecedora a intervención dunha persoa sanitaria. Chegados a un acordo médica e profesor, indícaselles ós alumnos que concreten por escrito as cuestións e problemas que máis lles preocupan e que lles gustaría que se tratasen, (para que realicen unha aprendizaxe significativa).

       Durante a preparación do programa, amplíase o equipo, entrando nel os profesores doutras áreas curriculares que abordan tamén esta temática: ciencias naturais, ciencias sociais, relixión e educación física; fórmase así un módulo interdisciplinar.

       Elabóranse unhas liñas comúns de actuación e coordenación, e, despois, cada profesor trata nas súas clases o tema dende a súa perspectiva curricular; unha tarde cada mes hai unha charla-coloquio e audiovisuais coa médica, á que asisten os alumnos dun nivel determinado (6º) (7º e/ou 8º) e os seus profesores. Cara á fin do curso, preténdese organizar unha mesa redonda coa médica e cinco profesores.

       Participan nesta experiencia educativa tódolos alumnos da segunda etapa, os profesores das cinco áreas e unha médica, co apoio da dirección do centro, actuando como coordenador o profesor de ética.

 

       Nas clases de ética séguese a seguinte metodoloxía:

       1º) Traballo en pequenos grupos (4 alumnas/os), cada un cun tema distinto elexido por elas/es:
   * estudio do tema a tratar, lectura de testemuños, casos...
   * elaboración dun temario:
               @ delimitación do tema, ¿en que consiste?
               @ aspectos positivos e negativos
               @ consecuencias ou efectos a curto e a longo prazo
               @ criterios morais
   * preparar preguntas para facerlle á médica
       2º) Posta en común e debate.

       Trátase de que sigan un ritmo de investigación-acción:
   1º) análise da temática
   2º) síntese - tomas de postura

       O ambiente de traballo é "o que facemos ou dicimos en clase é para a vida, polo tanto debemos actuar coa máxima libertade individual e grupal".

 

       A metodoloxía das charlas-coloquio é:

       1º) Respostas ás preguntas, problemas, temáticas... que plantexaron os alumnos por escrito.
       2º) Exposición de temas-obxectivo de estudio.
       3º) Preguntas directas orais ('dos' e 'ós' alumnos) ou por escrito ('dos' alumnos).
       4º) Deixar no aire ideas para que as retomen, discutan e formulen interrogantes.

 

       Preténdese que tanto a clase como as charlas-coloquios sirvan como:
   1) información
   2) punto de partida para:
               - a reflexión
               - o diálogo, entre eles e co equipo educativo

 

          Materiais:

       * Buzón de: preguntas, ideas, suxerencias, observacións, queixas... Ponse a disposición dos alumnos desde o primeiro momento para evitar as inhibicións e os retraimentos que, ó principio, poden derivarse da timidez, e levalos a non expresar clara e abertamente as súas dúbidas.
       * Audiovisual: Educación para o amor; úsanse soamente as diapositivas, xa que as cintas magnetofónicas son moi amplas e non inciden na temática que nós querémonos tratar en profundidade, nin como nos interesa facelo.
       * Proxector de diapositivas.
       * Pantalla.
       * Vídeos sobre sexualidade e reproducción.
       * Un magnetoscopio e un aparato de televisión.
       * Bibliografía: libros, revistas, cómics, folletos, periódicos...
       * Reprografías, fichas, franelogramas, xogos, carteis, adhesivos...

       Todo tipo de material que motive e resulte didáctico é válido.

 

AVALIACIÓN

1.- Da estructura:
       a) locais, materiais... utilizados
       b) facilidades para a súa utilización
       c) ¿son os axeitados?

2.- Do proceso:
       a) ¿o número de actividades é suficiente?
       b) ¿o seu contido é o axeitado?

3.- Do resultado:
       a) número de profesores que participan
       b) interese que demostran
       c) interese e seguimento por parte dos alumnos, (para eles a participación non é vontaria, así que o número non é valorable porque son todos)
       d) pretest e postest ós alumnos de coñecementos e enfoques personais sobre diversos aspectos, que ó mesmo tempo é unha análise da nosa labor: ¿que lles deixamos claro, que lles transmitimos...?: isto levaríanos a outro punto da avaliación:
       e) ¿logramos informar e motivar ós alumnos de xeito que teñamos feita realidade a Educación para a Saúde (EpS)? (é distinto ó punto 2, xa que poden terse desenrolado ben as actividades sen motivar ós alumnos), ¿constatáronse cambios en coñecementos, actitudes e hábitos?
       f) sen meternos en tests..., analizar tamén o equipo interprofesional de EpS que cousas novas aprendimos
       g) efectividade: ¿funcionou a experiencia? ¿os obxectivos alcanzados foron os programados?
       h) eficiencia: ¿os logros son satisfactorios en relación cos costes que supuxo obtelos?

4.- Da satisfacción dos alumnos por todo o que supuxo tratar este tema ó longo do curso.

5.- Resumir os datos avaliados para tirar conclusións e formular propostas de acción futura.

 

       A avaliación no tempo:

* Os puntos 1, 2, 3-a, 3-b e 3-c son motivo dunha avaliación continuada: unha vez cada quince días.
* O punto 3-d realízase ó principio e ó final da experiencia.
* Os puntos 3-e, 3-f, 3-g, 3-h, 4 e 5 realizanse á fin do curso.

 

       A avaliación na forma:

       * Para os coñecementos: preguntas orais e por escrito.
       * Para as actitudes: preguntas orais e por escrito, observación (por parte dos distintos membros do equipo educativo-sanitario) das preguntas que se fan e nos fan, das que omiten, dos comentarios que xorden nos grupos, das relacións interpersoais que se establecen...; motivar e provocar as respostas, definicións persoais e tomas de posturas a base de: "e... ¿que podería pasar se...?", "a túa razón é válida, pero pode ser válida tamén a que é totalmente distinta á túa... ¿ou non?...", "¿quen está de acordo e por que?", "¿quen non está de acordo e por que?"...

 

       Vemos a avaliación como unha actividade necesaria e a realizar por todo o equipo e polos alumnos (nestes é moi importante potenciar e motivar a autoavaliación). Intentaremos levala a cabo con criterios flexibles pero de profesionalidade, se non... non serviría para cáseque nada.

 

CONCLUSIÓNS

       1) Constatouse unha mellora no traballo cotián ó ser levado a cabo en equipo multidisciplinario e interprofesional; a experiencia foi moi enriquecedora a pesar do esforzo que esixiu para a súa preparación e coordenación.

       2) O feito de seren dúas persoas de distinto sexo (profesor e médica) as que coordenaron o traballo, foi unha axuda importante para a coeducación.

       3) Ós alumnos as discusións e diálogos en grupo, o poder expresar opinións e sentimentos, axúdalles a manter relacións abertas, tolerantes, e a comprender outros puntos de vista, outras maneiras de vivir a sexualidade.

       4) Inda que os cambios reais de actitudes non son medibles a curto plazo, creouse un clima de benestar e franqueza que nos axudou a todos como persoas e como colectivo. Melloraron as relacións e comunicación entre os alumnos, e entre eles e os educadores.

       5) A participación foi activa, globalizadora e integradora. Fíxose realidade o "todos e sempre podemos ensinar; todos e sempre podemos aprender".

       6) Os alumnos ó ver que lle adicabamos tempo e esforzos ó tema e a eles, tomárono en serio e déronlle importancia, axudoulles a valorarlo.

       7) É importante a avaliación formativa: avaliación continuada de contidos, métodos, dinámica e resultados que se van obtendo, dende os alumnos e dende os educadores, para poder clarexar, ampliar, profundizar, modificar...

       8) Non temos ningunha dúbida sobre a necesidade da educación sexual, o problema ás veces é como levala a cabo. Somos tamén conscentes da importancia da forma de vivila os adultos diante dos rapaces.

       9) Veulles ben ós alumnos o achegamento a unha persoa sanitaria, e axudaralles cando, no futuro, necesiten ir a unha consulta. Tamén dende os Centros de Orientación Familiar e Equipos de Atención Primaria é preciso favorecer a accesibilidade dos adolescentes, e garantizar en todo momento a confidencialidade dos datos.

       10) Quedámonos curtos nalgúns temas:
               - Sentido lúdico da relación sexual.
               - Utilización comercial da sexualidade.
               - A prostitución como problema social.
               - Aspectos legais relacionados coa sexualidade.
               - Recopilación de datos sobre sexualidade noutras culturas e comparalos coa nosa.
               - Diferencias e similitudes entre sexualidade humana e sexualidade animal.

 

PALABRAS CLAVE

       Educación para a Saúde, equipos interprofesionais e multidisciplinarios, participación, educación sexual, saúde sexual, estilo de vida.

 

SEGUNDA

 

POBOACIÓN DIANA

       Escola de pais dun Colexio Público Rural Agrupado de Galicia.
       Están participando nesta actividade entre dez e quince pais/nais.

 

OBXECTIVOS XERAIS

       * Crear un espacio de información e formación, de exposición e discusión para pais de alumnos.

       * Elevar o nivel de responsabilidade dos pais na educación sexual dos seus fillos.

 

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS

       * Facilitar a adquisición de coñecementos sobre sexualidade.

       * Potenciar a comunicación persoal emocional e actitudinal, sobor das distintas situacións que viven as persoas e familias participantes. Isto favorece a autoaprendizaxe dende a súa propia experiencia e a doutros pais.

       * Estimular a capacidade de defender valores e asumir criterios que se manteñan con coherencia.

       * Proporcionar ós pais a posibilidade de descubrir e potenciar os seus propios recursos e habilidades para que poidan utilizalos dun xeito efectivo e levar a cabo unha participación activa no proceso do desenvolvemento do seu fillo.

       * Elevar o nivel de saúde das familias fomentando o desenrolo de actitudes e comportamentos sexuais sanos.

 

METODOLOXÍA E ACTIVIDADES

       É importante traballar con métodos activos que permitan e estimulen o diálogo e a participación, partindo das propias experiencias e actitudes frente á sexualidade. Son importantes as dinámicas de grupo que se establecen.

       Segundo o número de asistentes fórmanse un ou dous grupos de traballo.

       O equipo de Educación para a Saúde realizamos sesións de vídeo e/ou charlas e entrega de material informativo (libros, folletos, reprografías...).

       Os participantes estudian o material, debaten, expoñen... Hai intercambio de experiencias, análises, aclaracións de dúbidas, de erros máis frecuentes...

       Trabállase mediante interrelación teórico-práctica de contidos, na que participan o Equipo de EpS e os pais.

 

       As xuntanzas son cada quince días; cunha duración de hora e media a dúas horas. Na sé do C.P.R.A.

 

RECURSOS

       Humanos:
               * Equipo multisectorial de profesionais da Sanidade e a Educación.
               * Pais/nais dos alumnos.

       Materiais:
               * Vídeos sobre sexualidade e reproducción.
               * Un magnetoscopio e un aparato de televisión.
               * Bibliografía: libros, revistas, folletos...
               * Reprografías, fichas, carteis, adhesivos.

 

AVALIACIÓN

       1.- Da estructura:
               a) locais, materiais... utilizados
               b) facilidades para a súa utilización
               c) ¿son os axeitados?

       2.- Do proceso:
               a) ¿o número de actividades é suficiente?
               b) ¿o seu contido é o axeitado?

       3.- Do resultado:
               a) número de persoas que participan
               b) interese que demostran
               c) permanencia no grupo
               d) ¿constatáronse cambios en actitudes e hábitos dos asistentes?, ¿aumentaron os seus coñecementos teóricos?
               e) o equipo de EpS ¿que cousas novas aprendimos?
               f) efectividade: ¿funcionou a experiencia? ¿os obxectivos alcanzados foron os programados?
               g) eficiencia: ¿os logros son satisfactorios en relación cos costes que supuxo obtelos?

       4.- Da satisfacción dos participantes na experiencia.

       5.- Resumir os datos avaliados para tirar conclusións e formular propostas de acción futura.

 

       A avaliación dos puntos 2, 3-a, 3-b, 3-c, 3-d e 3-e realízase ó final de cada sesión, mediante cuestionario e posta en común.
       A dos puntos 1, 3-f, 3-g, 4 e 5 realízase ó final do curso.

       Vemos a avaliación como unha actividade necesaria e a realizar por tódalas personas asistentes: equipo de EpS e pais, en conxunto e por separado.

 

PALABRAS CLAVE

       Educación para a Saúde, participación, saúde sexual, educación sexual, estilo de vida.

 

TERCEIRA

 

POBOACIÓN DIANA

       Tódolos/as pais/nais ós que lles chegan as revistas editadas por colectivos educativos e colexios.

 

OBXECTIVOS

       * Facilitar a adquisición de coñecementos e formación sobre sexualidade.

       * Elevar o nivel de responsabilidade dos pais na educación sexual dos seus fillos.

       * Estimular a capacidade de defender valores e asumir criterios que se manteñan con coherencia.

       * Proporcionar ós pais a posibilidade de descubrir e potenciar os seus propios recursos e habilidades para que podan utilizalos dunha forma efectiva e levar a cabo unha participación activa no proceso do desenvolvemento do seu fillo.

       * Elevar o nivel de saúde das familias fomentando o desenrolo de actitudes e comportamentos sexuais sanos.

 

METODOLOXÍA E ACTIVIDADES

       Na Asociación Galega de Educación para a Saúde (A.G.EpS) consideramos fundamental a influencia dos medios de comunicación na promoción e protección da saúde. Por iso, a través das revistas editadas por colectivos e colexios, estimulamos a adopción de estilos de vida o máis sans posible e conductas positivas de saúde.

       Os medios de comunicación poden utilizarse con eficacia para elevar o grao de concientización da xente e crear un clima de opinión adecuado á posta en marcha de actividades ou proxectos.

       Primeiro úsanse para crear o ambiente necesario e potenciar a concienciación acerca do problema e a necesidade dunha actuación.

       Nunha segunda fase empléanse como elementos desencadeantes de actuacións, ou como apoio da Educación para a Saúde.

 

       Nesta A.G.EpS vimos desenvolvendo temas de autocoidado, prevención, primeiros auxilios, educación para a saúde, sexualidade..., en ditas revistas, como froito dunha colaboración e asesoría técnica entre nós e os colectivos e colexios. As publicacións son periódicas.

 

RECURSOS

       Humanos:
               * Equipo multisectorial de profesionais da Sanidade e a Educación.
               * Pais/nais dos alumnos.

       Materiais:
               * Bibliografía e material didáctico.
               * Material funxible.

 

AVALIACIÓN

       1.- Dos contidos.

       2.- Da participación dos membros dos equipos e colexios.

       3.- Da satisfacción do colectivo de pais.

       4.- Do aumento do autocoidado e coñecementos adquiridos.

       5.- Resumir os datos avaliados para tirar conclusións e formular propostas de acción futura.

 

       A avaliación é continua por parte da A.G.EpS, e trimestral por parte de pais e educadores.

 

PALABRAS CLAVE

       Educación para a Saúde, medios de comunicación, autocoidado, sexualidade, estilo de vida, calidade de vida, participación comunitaria.

 

AGRADECEMENTOS

       Á Unidade de Educación para a Saúde do Servicio Galego de Saúde da Xunta de Galicia, e á Fundación Santa María, polo apoio nos recursos.

       A Rita Hurtado, pola crítica constructiva.

       Ás rapazas e rapaces que coas súas continuas observacións e preguntas, obrigáronnos a camiñar, a madurar e crecer tanto persoal como profesionalmente. E... é que o mundo (e non soamente o da sexualidade) é demasiado complexo e dá para poder e ter que interrogarse e interrogar continuamente...

 

BIBLIOGRAFÍA

A.A.V.V.; Educación para el amor. Madrid: C.C.S., 1977, (con diapositivas).

ALOCLARO; La sexualidad... a lo claro. Madrid: Popular, 1985.

AMEZUA, Efigenio, et al.; Enciclopedia de Convivencia Sexual. Madrid: Sedmay, 1975, 4 vols.

AYUNTAMIENTO DE PORTUGALETE / AYUNTAMIENTO DE SESTAO; Guía Joven - Pistas sobre Sexualidad. Bilbao: Ayuntamiento de Portugalete / Ayuntamiento de Sestao / Gobierno Vasco - Juventud y Acción Comunitaria, s.f.

BISQUERRA ALZINA, Rafael; Orientación psicopedagógica para la prevención y el desarrollo. "Pedagogía" 1, Barcelona: Marcombo Boixareu, 1990.

BYER, Curtis O.; SHAINBERG, Louis W.; JONES, Kenneth L.; Dimensions of Human Sexuality. 2ª ed., Dubuque (Iowa - USA):  Wm. C. Brown Publishers, 1988.

CAÑIZAL, A.; DIAZ, A.; PERSICO, L.; "¿Padres en el Parto? ¡Sí!". Ser Padres Hoy 1991; 202: 24-28.

CERCEDO PEREZ, Mª Jesús; SOTELO, David; Guía da Sexualidade - Paso a paso. A Coruña: Centro Municipal de Información Juvenil / Deputación de A Coruña, 1991.

CONCELLO DE FENE; Saúde e Sexualidade. Fene (A Coruña): Concello de Fene - Comisión de Sanidade, 1984.

CORBELLA ROIG, Juan; VALLS LLOBET, Carmen; Ante una edad difícil - Psicología y biología del adolescente. Barcelona: Círculo de Lectores, 1989.

DEXEUS, Santiago, et al.; Anticoncepción. 1ª ed., 2ª rp., Barcelona: Salvat, 1986.

DIAZ, Aida; MARTIN, Consuelo; DOMINGUEZ, Pilar; GARCIA, Anabel; GARCIA, Maria; PASCUAL, Mercedes; "Partos distintos - Otras formas de nacer". Ser Padres Hoy, 1990; nº 193: pp. 22-26.

DRÖSCHER, Vitus B.; La vida amorosa de los animales. Barcelona: Círculo de Lectores, 1988.

DYER, Wayne W.; Tus zonas erróneas. "Autoayuda y Superación", 24ª ed., Barcelona: Grijalbo, 1983.

FARO, Conchita; MARTINEZ DE CASTILLA, Angels; OLIVA, Albert; Col. "La Sexualidad Humana": Anatomía y Fisiología de la Sexualidad, nº 2; 35 preguntas sobre la Sexualidad para chicos y chicas de 14 a 17 años, nº 1; 21 preguntas en torno a los métodos anticonceptivos, nº 3; Madrid: Ministerio de Sanidad y Consumo - Dirección General de Planificación Sanitaria, 1987.

FOUCAULT, M.; Historia de la sexualidad. Madrid: Siglo XXI, 1984.

FREINET, Célestin; Parábolas para una pedagogía popular - Los dichos de Mateo. "B - Ciencias humanas: Pedagogía" 11, 5ª ed., Barcelona: Laia, 1979.

FROMM, Erich; El arte de amar. "Biblioteca del hombre contemporáneo" 10, 15ª ed., Buenos Aires: Paidos, 1974.

GAIRIN SALLAN, Joaquín; Las actitudes en educación. "Pedagogía" 4, Barcelona: Marcombo Boixareu, 1990.

GALE, Jay; Guía sexual para el adolescente. "Para vivir mejor", Buenos Aires: Javier Vergara, 1989.

GARCIA, Isabel; CRISTOBAL, Pilar; Sexualidad - Fichas informativas. Madrid: Ministerio de Sanidad y Consumo, 1986.

GIRARDI, Giulio; Por una pedagogía revolucionaria. "Ediciones de bolsillo - Ciencias Humanas: Educación" 504, Barcelona: Laia, 1977.

GONZALEZ GARCIA, Alejandro; GONZALEZ BOTELLA, Sofía; Salud Sexual y Salud Mental. Serie Monográfica 6, Madrid: Ministerio de Sanidad y Seguridad Social - Dirección General de Salud Pública - Subdirección General de Programas de Salud - Servicio de Promoción de la Salud - Sección de Salud Mental, 1980.

GONZALEZ-MERLO, J., et al.; "Ginecología". En: Medicine - Tratado de medicina práctica. Madrid: IDEPSA, 1983.

HARRIS, Thomas A.; Yo estoy bien, tu estás bien. "Autoayuda y Superación", 25ª ed., Barcelona: Grijalbo, 1983.

INSTITUTO DE LA MUJER; Col. "Salud": Guía de Anticonceptivos y Sexualidad, nº 1, 1988; La interrupción voluntaria del embarazo, nº 3, 1988; La menopausia, nº 5, 1991; Las enfermedades de transmisión sexual, nº 4, 1990; Maternidad / Paternidad - El embarazo, nº 2, 1990; Maternidad / Paternidad - El parto y el posparto, nº 2-b, 1990; Madrid: Ministerio de Cultura (nº 1); Ministerio de Asuntos Sociales / Ministerio de Sanidad y Consumo (nº 2, 3 y 4).

INTEGRAL; Amor y Vida - Todos los métodos naturales de control de la concepción. "Monografías" 10, Barcelona: Integral, 1984.

JARES, Xesús R.; "Educa-la sexualidade na escola". Revista Galega de Educación 1986; 2: 31-34.

KAPLAN, Helen S.; El sentido del sexo. Barcelona: Grijalbo, 1987.

KEATING, Kathleen; NOLAND, Mimi; Abrázame. México: Javier Vergara, 1987.

KEATING, Kathleen; NOLAND, Mimi; Abrázame 2. Buenos Aires: Javier Vergara, 1988.

KENTLER, Helmut; "SIDA. Las impresiones de un educador en información sexual". Boletín de la Federación de Planificación Familiar de España 1990; 5: 10-11.

LADAS, Alice Kahn; WHIPPLE, Beverly; PERRY, J.D.; El Punto 'G'... y otros descubrimientos recientes sobre la sexualidad.  "Relaciones humanas y sexología" 25, Barcelona: Grijalbo, 1983.

LANGMAN, Jan; Embriología Médica. 2ª ed., México: Interamericana, 1969.

MACEIRAS GARCIA, Lourdes; "¿De que falamos cando falamos de Educación para a Saúde na Escola?". ADAXE - Revista de Estudos e Experiencias Educativas 1991; 7: 69-81.

MACEIRAS GARCIA, Lourdes; SEGOVIA LARGO, Angel; Tempo de Lecer para falarmos de... Sexualidade... Santiago de Compostela:  Asociación Xuvenil Paxariños, 1984.

MASTERS, William H. & JOHNSON, Virginia E.; El vínculo del placer. "Relaciones humanas y sexología" 1, 8ª ed., Barcelona: Grijalbo, 1984.

MINISTERIO DE SANIDAD Y CONSUMO; Guía para la Elaboración del Programa del Escolar y Adolescente en Atención Primaria de Salud. "Atención Primaria de Salud" 7, 5ª ed., Madrid: Ministerio de Sanidad y Consumo - Dirección General de Planificación Sanitaria, 1989.

PUZZLE S.P.V.; Planificar es decidir con tranquilidad. s.l.: Puzzle S.P.V., 1988.

ROGERS, Carl R.; El matrimonio y sus alternativas. Barcelona:  Kairós, 1976.

ROGERS, Carl R.; El proceso de convertirse en persona. 1ª ed., 4ª rp., Barcelona: Paidós, 1984.

RUIZ, Ana; Educación sin miedo - Tu hijo de cero a cinco años. 2ª ed., Salamanca: Lóguez, 1985.

SERRANO VICENS, Ramón; La Sexualidad Femenina. "Apogeo", Serie "Testimonio", 4ª ed., Madrid: Júcar, 1976.

SERVICIO VASCO DE SALUD; El sexo requiere seso - Prevención de Enfermedades de Transmisión Sexual. Guipúzcoa: Servicio Vasco de Salud: Osakidetza, s.f.

SMITH, Manuel J.; Cuando digo NO, me siento culpable. "Autoayuda y Superación", 8ª ed., Barcelona: Grijalbo, 1983.

TABOADA, Leonor; Introducción al Self-Help. Barcelona: Fontanella, 1978.

U.N.E.D.; Guía 89-90 de los Medios Audiovisuales. Madrid: Universidad Nacional de Educación a Distancia - Centro de Diseño y Producción de Medios Audiovisuales, 1989.

VOSS, Jacqueline; GALE, Jay; Guía sexual para la adolescente. "Para vivir mejor", Buenos Aires: Javier Vergara, 1990.

XUNTA DE GALICIA; S.I.D.A. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia - Servicio Galego de Saúde, 1989.

XUNTA DE GALICIA; V.I.H. / S.I.D.A. - Un problema de todos nós, xuntos podemos vencelo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia - Consellería de Sanidade - Servicio Galego de Saúde, 1990, (con diapositivas).

 

Vídeos

- Un día de clase cualquiera.

- ¿El sueño imposible?

- Esas cosas de la pubertad.

- Esos bichitos inoportunos (Enfermedades de Transmisión Sexual).

- La primera visita a un Centro de Planificación Familiar.

 

Portada