Asociación Galega de Educación para a Saúde

Artigo

 

Artigo publicado na revista ADAXE. Revista de estudos e experiencias educativas.  1995; 11: 77-85.

 

A saúde e a educación psicomotriz nas escolas unitarias dun C.P.R.A.

L. Maceiras (1) / A. Segovia (2) / T. García (2) / et al.

(1) Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Universidade de Santiago de Compostela. Asociación Galega de Educación para a Saúde.
(2) Colexio Público Rural Agrupado de Teo (A Coruña). Asociación Galega de Educación para a Saúde.

 

INTRODUCCIÓN

       Dende o curso 1988-89 vimos levando a cabo esta experiencia, que se pode enmarcar dentro dun dos temas clásicos da Educación para a Saúde na Escola: 'Saúde e Desenvolvemento Físico' (inda que, a estas alturas, xa sabemos que non soamente serve para o desenvolvemento físico, senón tamén para o psicolóxico e social, de aí o noso título neste artigo), para reforzar as áreas menos traballadas nas escolas unitarias: psicomotricidade, ritmo, educación física, deporte, expresión corporal, danza...

       Sempre houbo, por parte do equipo educativo do Colexio, un interés en dotar ás sempre deficitarias escolas unitarias dos mesmos recursos didácticos, humanos e materiais dos que dispón normalmente calquera colexio completo.

       Decidimos investigar a influencia da educación psicomotriz nos procesos de ensino-aprendizaxe; máis concretamente: o ritmo como motivación e como factor decisivo coadxuvante do desenvolvemento integral dos nenos. É dicir, pretendeuse observar e constatar a influencia que pode ter nos alumnos o reforzo permanente psicomotor a través do ritmo.

 

PERSOAS E MÉTODOS

 

Poboación diana

       Escolas unitarias de Educación Infantil e Primaria do Colexio Público Rural Agrupado (C.P.R.A.) de Teo (A Coruña).

 

Obxectivos

1.- Levar a cabo un estudio serio sobre esta nova experiencia educativa, baseándonos na hipótese da súa eficacia.

2.- Investigar a influencia do ritmo como vivencia persoal e social, como motivación para a aprendizaxe e como axente directo de outras aprendizaxes escolares e educativas: adquisición de coñecementos, destrezas e actitudes nas diferentes áreas do currículum.

3.- Realizar exercicios que favorecen o desenvolvemento físico.

4.- Mellorar en tódolos alumnos das escolas do C.P.R.A. de Teo o oído musical.

5.- Lograr que os rapaces aprendan a manexar instrumentos.

 

Contidos

       A actividade física condiciona unha serie de cambios, necesarios para o crecemento e desenvolvemento dos rapaces.

       Todo organismo que está a medrar necesita exercitar as funcións que se van desenvolver: o crecemento físico comporta movemento muscular. Un órgano que non actúa, non medra. De aí a importancia do movemento, sobre todo na infancia.

       O exercicio aumenta as necesidades de osíxeno dos tecidos; con isto estimúlase a formación de glóbulos vermellos na médula ósea, así como o aumento da hemoglobina, que forma parte dos glóbulos vermellos e é a encargada de transportar o osíxeno dos pulmóns ós tecidos. Por outra banda, esta meirande demanda de osíxeno tense que alimentar por medio dun incremento da circulación sanguínea. Esta é a razón pola que o exercicio fai aumentar a actividade cardíaca, para poder, así, aportar a cantidade necesaria de osíxeno, a través do sangue, ós tecidos. Como consecuencia de todo isto, a actividade respiratoria pulmonar aumenta para poder osixenar o sangue, o cal circula a maior velocidade. O ritmo respiratorio pode duplicarse durante o exercicio. O aumento da respiración é tamén importante para os pulmóns, xa que as respiracións profundas fan que o aire chegue a tódolos recantos dos pulmóns e que se aumente a súa capacidade funcional.

       O exercicio aumenta a producción endóxena de calor. O organismo tende a perder calor aumentando a producción de suor, a cal, ó evaporarse, enfría o corpo. A suor, ademais, limpa a pel e é veículo de eliminación de sustancias tóxicas.

       Ademais, o exercicio físico axudando a conservar o peso e a evitar a obesidade, actúa como preventivo contra as posibles enfermidades cardiovasculares.

       Segundo Turner (1976), os efectos positivos do exercicio muscular pódense resumir así:
·   axuda á circulación do sangue,
·   aumento dos glóbulos vermellos e da hemoglobina,
·   meirande eliminación dos productos de desfeito do organismo,
·   limpeza da pel,
·   fortalecemento do sistema muscular,
·   axuda á dixestión,
·   estímulo para a saúde mental,
·   diminución da conxestión interna,
·   fortalecemento e aumento da capacidade pulmonar,
·   tonificación do corazón,
·   mellora dos mecanismos reguladores do corazón,
·   mellora da coordinación neuromuscular,
·   fomento do descanso e do sono,
·   reducción do peligro de padecer enfermidades coronarias.

       Así vemos que o exercicio físico consolida a saúde dos nenos e aumenta a súa resistencia corporal, tamén desenvolve habilidades físicas básicas. A educación física é primordial para un bo desenvolvemento corporal.

       A educación psicomotriz inflúe nos procesos de ensino-aprendizaxe, e é un factor coadxuvante decisivo no desenvolvemento integral dos rapaces (persoal e social), e na realización doutras aprendizaxes escolares e educativas (adquisición de coñecementos, destrezas e actitudes nas diferentes áreas do currículo).

       Para que o desenvolvemento sexa total e harmónico, hai que procurar que as clases estean dirixidas por persoas competentes, que non descoiden ningún aspecto esencial. Por exemplo, é moi corrente descoidar o desenvolvemento das extremidades superiores.

       É preciso que a educación física, no marco escolar, sexa axeitada á idade dos rapaces. Nos nenos pequenos (3-7 anos) a educación física pode consistir en exercicios de psicomotricidade, danzas, ritmo, expresión corporal, xogos ó aire libre, exercicios nos que haxa que seguir un circuito: correr, camiñar, saltar obstáculos, saltos de altura, de lonxitude...

       E sen esquecer que un aspecto que debe ofrecer a actividade deportiva é o lúdico, o xogo debe ser a primeira motivación.

       Por outra banda, as actividades físicas, ritmo, ximnasia, exursións, xogo, etc., non deben promoverse competitivamente, senón como un xeito de promoción de saúde e de contribución ó equilibrio entre reposo, traballo intelectual e exercicio físico, e sempre tendo en conta a capacidade física individual dos nenos.

       É importante que os rapaces coñezan o seu propio crecemento, pero que teñan tamén actitudes realistas e positivas de cara ó seu propio desenvolvemento e ó dos demais (por exemplo: respectando a tódalas persoas, non facendo bromas sobre o físico dos demais...). E que entendan que cada un ten unha constitución propia, dentro da cal pódese conseguir un perfeccionamento físico.

       Tamén é importante que os rapaces coñezan os efectos da falla, ou do exceso, de alimentación sobre o seu desenvolvemento físico.

       Por último, é imprescindible dar a importancia que se merece á relación positiva adulto-neno, co gallo de motivalo para que medre. Os espacios relacionais de actividades físicas son un bo marco para desenvolver esta relación positiva.

 

       Intervención

       A temporalización das actividades foi continuada ó longo do curso.

       Os membros do equipo desenvolvemos o noso labor nas distintas escolas, da forma que previamente distribuíramos.

       Levamos a cabo o estudio en dous tipos de aulas/espacios ó aire libre:
a)  aquelas onde se reforzaba o ritmo por parte do titor e unha persoa do equipo;
b)  outras nas que o ritmo só era reforzado por unha persoa do equipo.

       As sesións semanais de psicomotricidade-ritmo-danza desenvolvéronse da seguinte forma:
·   Ambientación-motivación da danza ou ritmo a practicar.
·   Explicación teórica dos diferentes movementos.
·   Práctica repetida do profesor.
·   Audición interiorizada dos ritmos.
·   Práctica dos alumnos: 1º: Globalizada, 2º: Segmentada, 3º: Globalizada.

       Na programación xeral seguimos un esquema de progresión rítmico-métrica:
1 - Choques rítmicos sobre unha superficie (con ou sin vocablos).
2 - Reprodución de motivos rítmicos simples (no propio corpo).
3 - Invención de motivos rítmicos.
4 - Estructuras rítmicas determinadas: práctica corporal.
5 - O ritmo das cancións.
6 - Polirritmia individual e colectiva, incrementando a disociación corporal.
7 - Polirritmia con instrumentos de percusión.
8 - Xogos rítmicos.
9 - Danzas.

       Aparte das actividades psicomotrices xerais, a experiencia céntrase nestas específicas:
·   Movementos básicos rítmicos: andar, brincar, correr.
·   Interiorización do ritmo: audicións, cancións con mímica.
·   Dictados rítmicos co corpo e/ou con instrumentos.
·   Expresión corporal libre con fondo musical rítmico.
·   Exercicio de ritmo y medida.
·   Danzas.

 

       Recursos

       Humanos:

       Equipo de traballo: dous profesores de apoio itinerantes, unha profesora-titora das escolas e especialistas en Saúde Pública para asesorar específicamente nos aspectos máis sanitarios (compre non esquecer que os temas de Educación para a Saúde na Escola: 'Saúde, Crecemento e Desenvolvemento', 'Actividade e Descanso' e 'Alimentación e Nutrición' van intimamente unidos).

       Materiais:

·   Megafonía.
·   Radiocasetes e tocadiscos.
·   Casetes e discos.
·   Instrumentos musicais infantís: crótalos, triángulos, pandeiros, pandeiretas, maracas, axóuxeres, caixas chinesas, chaves...
·   Aros e cintas.
·   Bibliografía sobre o tema.
·   Carpetas e fichas.

 

       Avaliación:

       A mediados da experiencia percatámonos das dificultades para medir adecuadamente a consecución do obxectivo: "Comprobar a influencia do ritmo nas demais áreas curriculares".

       O primeiro problema xurdiunos xa ó formular a hipótese: "A educación do ritmo en alumnos de Educación Infantil e Primaria influe favorablemente na adquisición das técnicas instrumentais (lectura, escritura e cálculo)". ¿Ata que punto isto é certo?..., ¿de que xeito obxectivo se pode comprobar?... De feito, se comparamos o nivel que tiñan os alumnos antes da nosa experiencia e o nivel alcanzado despois dela, obsérvanse mellorías en tódolos casos, pero non necesariamente debidas á nosa actuación na educación musical, posto que os nenos nese tempo maduraron e o ensino específico da lecto-escritura e as matemáticas vai dando os seus froitos. Entón, ¿que tanto por cento de melloría é debida ó noso esforzo, á aprendizaxe do ritmo?

       Existen demasiados factores no proceso de ensino-aprendizaxe como para poder aillar un só e observar cómo influe directamente.

 

RESULTADOS

       O vídeo que realizamos: 'O Ritmo nas Escolas Unitarias', reflexa parcialmente os resultados obtidos con esta experiencia educativa innovadora nas escolas rurais de Galicia.

       A pesares do devandito na avaliación, si poidemos observar algúns resultados moi interesantes do noso traballo:

  ·   No que se refire ó ritmo concretamente: adquisición de oído musical, repetición correcta de ostinatos, acompañamento con instrumentos, aprendizaxe de cancións e danzas...

  ·   No referente á personalidade: lograr vencer a timidez, desinhibirse frente ó grupo, participación de toda a clase nas actividades planificadas, socialización. Nótase que o clima de clase se distende e as relacións interpersoais son mellores.

 

DISCUSIÓN DOS RESULTADOS

       Todo isto vai influír directamente no desenvolvemento da personalidade do neno, que se vai autoafirmando, que mellora o seu concepto de si mesmo, a súa imaxe persoal e así conseguimos alumnos máis contentos na escola e, polo tanto, dispostos a recibir e a aprender o que a mestra ou mestre lle ofreza sobre cualquera outra disciplina.

       Os membros do equipo responsable, xunto cos mestres-titores das escolas, observamos e constatamos ó final do curso a validez desta experiencia innovadora educativa, facilitada indudablemente pola agrupación das 19 escolas unitarias nun Colexio Público Rural Agrupado, e que os textos e as imaxes do vídeo (realizado por afeccionados) tratan de poñelo de manifesto. Intencionadamente, a grabación levouse a cabo sen aviso previo ós mestres-titores nin ós rapaces.

       Entresacamos algúns comentarios conclusivos do vídeo que nos serve de Memoria:

·     "O neno mentres canta e danza é feliz, síntese unido ós seus compañeiros e ós seus mestres na música; esquécese dos seus problemas, da súa posible enfermidade ou conflictos familiares, da súa inmadurez ou falla de atención, desa ficha que lle costou tanto realizar; trasládase a outro mundo no cal ninguén é discriminado, todos cantan, todos danzan, todos viven ó mesmo ritmo. ¿Non paga a pena ver rir a un rapaz que sofre a separación dos seus pais? ¿Non paga a pena ver danzar en corro a un rapaz rechazado polos seus compañeiros? ¿Non paga a pena saber que os rapaces chegan á súa casa e lles cantan ós seus pais ou lles ensinan unha danza?.

·     "O ritmo natural encóntrase en todo ser humano. O neno que respira, camiña, brinca, posúe o instinto rítmico. Só hai que dar libertade a ese instinto, desenvolvelo".

·     "A canción infantil é o alimento musical máis importante que recibe o neno. Os cantos constitúen unha actividade que engloba a melodía e o ritmo ademais de suxerir o acorde e facer presentir as funcións tonais".

·     "Serán obxectivos a alcanzar: a obtención de placer na realización da danza, tomar conciencia do corpo como presencia física e como instrumento de comunicación, liberar os impulsos emocionais e revelar os estados de ánimo interiores".

·     "A danza 'San Ferriol' ademais de ser divertida, axuda a traballar a orientación espacial, a lateralidade e a coordinación psicomotriz".

·     "A canción 'O Elefante' é representada gustosamente polos rapaces porque escenifican o que cantan e lles esixe máis atención".

·     "Os alumnos de Educación Primaria guían ó resto do grupo, reflectindo na canción 'As vocais' a interrelación da música con outras áreas de aprendizaxe".

·     "Unha vez máis a música está presente nos xogos infantís, integrados no medio rural. 'Paseemos polo bosque' é un bo exemplo disto".

·     "Como complemento para a Educación para a Saúde na Escola, inventamos unha letra adaptada a unha melodía coñecida: 'A Saúde' ".

·     "O conto-canción 'O rock da cadea', con letra orixinal da profesora-titora que formaba parte do equipo responsable, ademais de traballar o ritmo, foi motor globalizador das outras áreas curriculares: linguaxe, dramatización, plástica e experiencias".

·     "Para finalizar este percorrido polas escolas do C.P.R.A. de Teo non pode faltar unha mostra do noso folklore galego: 'Muiñeira' ".

       Este resumo ordea e subraia algúns aspectos da Memoria final desta experiencia educativa, levada a cabo nas Escolas Unitarias do Concello de Teo e que queda reflectida no vídeo 'O Ritmo nas Escolas Unitarias' e nun dossier coas letras de tódalas cancións e a explicación das danzas.

       Tendo en conta a influencia positiva do ritmo no desenvolvemento físico e psicolóxico do neno, e na súa socialización, considerámolo un alicerce moi importante na construcción da persoa como unha realidade biopsicosocial, e da súa saúde como "o estado de benestar físico, mental e social, que permita funcionar ó suxeito no medio no que vive inmerso".

 

BIBLIOGRAFÍA

AAVV. Cancións, contos e adiviñas infantís... Lugo: Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, s.d. [Con cinta de magnetófono].

AAVV. Gimnasia sencilla para mantenerse en forma. Barcelona: EBSA, 1981.

AAVV. La 'educación física' y la Sexualidad. Al lado de los niños y de las niñas 1990; 8: 11‑4.

Agosti‑Gherban C, Rapp‑Hess C. El niño, el mundo sonoro y la música. Alcoy: Marfil, 1988.

Ajuntament de Barcelona (ed). Salut Barcelona! Informació a l'escola. Barcelona: Institut Municipal de la Salut, s.d.

Alcántara R, Gusti. ¿Quién menea el esqueleto? Zaragoza: Edelvives, 1994.

Anderson RA, Jean E. Estirándose. Barcelona: Integral / Oasis / PGC / SL, 1989.

Antó JM. L'avaluació de l'educació en Educació Sanitaria. Gas Sanit (Barc) 1985; 6: 25‑6.

Baño F. Curso de relajación integral para todos. Madrid: Cinterco, 1987. [Con cinta de magnetófono].

Bisquerra R. Orientación psicopedagógica para la prevención y el desarrollo. Barcelona: Marcombo Boixareu, 1990.

Carchenilla M. Música. Primaria. 1. Madrid: SM, 1992. [Con cinta de magnetófono].

Carchenilla M, Moreno A. Música. Primaria. 2. Madrid: SM, 1992. [Con cinta de magnetófono].

Conti L. Estructura social y medicina. Barcelona: Fontanella, 1974.

Elliot J. El cambio educativo desde la investigación‑acción. Madrid: Morata, 1993.

Font R. El ritmo en la Educación Preescolar. Madrid: Paulinas, 1991.

Fundación Santa María (ed). Ensayos: la educación en la autoestima. Madrid, 1991.

Gairín J. Las actitudes en educación. Barcelona: Marcombo Boixareu, 1990.

García I. Ocio y Salud. Madrid: Ministerio de Sanidad y Consumo, 1986.

Hawe P, Degeling D, Hall J. Evaluación en Promoción de la Salud. Guía para trabajadores de la Salud. Madrid: Díaz de Santos, 1993.

Hernández MD. La alegría de aprender música en el cole. Madrid: Popular, 1986.

Jhonston W. La música callada. Madrid: Paulinas.

Laban R. Danza educativa moderna. Barcelona: Paidós, 1993.

López C, Rico M. Cantares. Barcelona: Casals, 1983.

Maceiras L, Segovia A, Barros XM. Las otras drogodependencias. ADAXE 1994; 10: 101-9.

Ministerio de Sanidad y Consumo (ed). Guía para la Elaboración del Programa del Escolar y Adolescente en Atención Primaria de Salud. Madrid: Dirección General de Planificación Sanitaria, 1989.

Monedero C. La evolución psicológica del hombre. Barcelona: Salvat, 1984.

Organización Mundial de la Salud (OMS). Educación sanitaria de niños y jóvenes. Rev Sanid Hig Publica 1979; 53: 219-33.

Osterrieth PA. Psicología infantil. Madrid: Morata, 1984.

Plaza J. Puericultura. Barcelona: JIMS, 1966.

Raventós F. Metodología comparativa y pedagogía comparada. Barcelona: Marcombo Boixareu, 1990.

Robinso J. El niño y la danza. Barcelona: Mirador, 1992.

Rochon A. Educación para la salud. Guía práctica para realizar un proyecto. Barcelona: Masson, 1991.

Ruiz F, Zorita P. La Formación del Personal de la Salud en la Comunidad Económica Europea. Rev Sanid Hig Publica 1988: 62: 1697-718.

Schinca M. Psicomotricidad, ritmo y expresión corporal. (Ejercicios prácticos). Madrid: Escuela Española, 1980.

Stone L, Church J. Niñez y adolescencia. Buenos Aires: Horme-Paidós, 1966.

Vaquero JL. Salud Pública. Madrid: Pirámide, 1982.

Vayer P. El diálogo corporal. Barcelona: Científica-Médica.

Villar H, Rábade X. Cantan os nenos. (O libro de María). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 1983.

Vizcarro B. Influencia de la clase social en la adquisición infantil de hábitos y valores. Infancia y Aprendizaje 1978; 3: 29-66.

Willems E. El valor humano de la Educación Musical. Barcelona: Paidós, 1994.

Xunta de Galicia (ed). Lei 5/1983, do 30 de xuño, de Sanidade Escolar (DOG 18-VI-1983) - Decreto 44/1985, do 14 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de Sanidade Escolar (DOG 29-III-1985). Santiago de Compostela: Consellería de Sanidade e Consumo, Dirección Xeral de Saúde Pública.

Yuste FJ. Hacia una sociología de la medicina. Barcelona: Aula de Ediciones, 1971.

 

Portada