Mariña / Mariño
Correspondencias: alemán: Marina / Marinus; portugués: Marinha / Marinho, Marino; español, ialiano: Marina / Marino; catalán: Marina / Marí; éuscaro: Mariñe, Itsasne; francés: Marine / Marin; inglés: Marina; romanés: Marina / Marin.
Orixe: latina. Aínda que foi considerado como variante de María ou Margarida, trátase en realidade dun xentilicio de Mario, proveniente do latín Marius, a través do nome latino Marinus / Marina, pero tamén é posible que proceda do adxectivo latino marinus, -a, -um, 'mariño', 'que vén do mar', 'que vive no mar'.
Significado: 'proveniente do mar', ou 'que vive nel, mariño'.
Onomástica: Mariña: 18 de xuño (virxe mártir; a do século V), 18 de xullo (virxe mártir; a martirizada en Ourense); Mariño: 4 de setembro (diácono), 26 de decembro (senador) e 8 de agosto (mártir).
Referencias: Hai dúas santas, as dúas virxes e mártires con ese nome. Unha delas foi unha virxe española martirizada en Ourense, no século VII, coas súas sete irmás. Patroa dos concellos das Neves, Cambados, Xinzo de Limia e Teo. A outra, moza cristiá do século V, viviu, segundo conta a lenda, co nome falso de Marinus, como monxe nun convento de varóns, do que despois foi expulsada ao atribuírselle a paternidade dun fillo ilexítimo. Aínda que non foi así, decidíu dedicarse á súa educación, vivindo ademais na absoluta pobreza fóra do convento, no que máis adiante sería admitida en calidade de penitente. O seu verdadeiro sexo, e a súa conseguinte inocencia, só foron coñecidos despois da súa morte. San Mariño, no século IV, déulle o seu nome a unha pequena república italiana que xurdiu nun lugar solitario, que foi o que el escolleu para retiro, oración e penitencia. Era albanel, e colaborou na construcción das murallas da cidade de Rímini, cidade que o lembra como fillo seu. Foi ordenado diácono polo bispo san Gaudencio de Brescia, levando despois, durante moitos anos, unha vida contemplativa e humilde nun lugar non moi distante de Rímini, nunha pequena casa que el mesmo construíu, e que sería o seu santuario e tamén o núcleo da futura república de san Mariño.
Bibliografía: Feixó Cid, Xosé. Diccionario galego dos nomes. Vigo: Xerais; 2003. pp. 384-385.
Santa Mariña de Augas Santas 1
Santa Mariña de Augas Santas 2
Santa Mariña de Augas Santas 3
Santa Mariña de Augas Santas 4
Santa Mariña de Augas Santas 5
Santa Mariña de Augas Santas 6
Santa Mariña de Augas Santas 7
Santa Mariña de Augas Santas 8
Santa Mariña de Augas Santas 9
Santa Mariña de Augas Santas 10