Grupo Andersen

Artigo

Artigo publicado na revista Fadamorgana. Inverno 2004-05; 10: 43-45.

 

Andersen na aula de infantil

Grupo Andersen

 

[Neste bicentenario de Hans Christian Andersen que o mundo enteiro celebrará ao longo de 2005 cómpre revisar os contos do gran escritor dinamarqués para descubrir, nestes textos universais, valores que nos permitan educar na fantasía, na lectura e na diversidade e pluralidade que Andersen como ninguén, soubo sementar nos seus textos. O artigo que segue, asinado polo Grupo Andersen -agrupación galega de investigadores sobre LIX- danos claves para utilizar estes contos na aula de educación infantil.]

 

     No ano 1979 A. Teberosky e E. Ferreiro marcaron un antes e un despois no ensino da lecto-escritura ao concluír, despois de anos de investigacións, que os nenos/as aprenden a ler e a escribir formulando hipóteses sobre os textos aos que se enfrontan (Los sistemas de escritura en el desarrollo del niño, Ed. Siglo XXI). Poñen a proba unha e outra vez estas hipóteses e van facendo as reformulacións pertinentes ata que, progresivamente, acadan un dominio do código. Para favorecer ese progreso natural dos cativos/as é imprescindible o traballo, dende unha perspectiva lúdica, con textos reais (cartas, contos, publicidade, prensa...) na aula dende os tres anos.
     Os contos de Andersen pertencen a esa parcela de textos reais que, non só no referido ás propiedades do texto son impecables, senón que ademais son unha fonte de diversión e fantasía intensa e doce que eles devoran.
     A proposta que nós lanzamos consiste en traballar a Hans Christian Andersen e os seus contos como un proxecto integral no que ir xerando actividades que se enmarquen dentro das tres áreas curriculares da Educación Infantil.
     A continuación presentámosvos distintas actividades deseñadas a partir de distintos contos de Andersen para a súa posterior aplicación na aula neste ano do bicentenario do seu nacemento.

A SEREÍÑA

     Empezar por este clásico tan coñecido, cremos que favorecerá a motivación dos nenos para seguir afondando no coñecemento da obra e da vida do seu autor.

     * Partindo do carácter literario da vida de Andersen, marcada pola desgraza e a superación, confeccionaremos un libro no que se mesturen texto e imaxes do autor co fin de favorecer a identificación dos nenos/as con outro neno nacido no 1805.
     * Traballar o nome dos personaxes do conto facendo fincapé nas letras que o compoñen con actividades do tipo de relacionar a imaxe dos personaxes e o seu nome, escribir os nomes entre todos para atopar o máximo número posible de letras que os forman, etc.
     * Falar do papel dos avós nas nosas vidas comparándoo coa avoa da Sereíña e valorar a experiencia e sabedoría dos maiores. Celebrar o día dos avós na escola no que nos contarán contos, recitarán poesías, ensinarán xogos que só eles coñecen.
     * Debuxar, e mesmo construír con distintos materiais (barro, plastilina...) o pazo submarino da Sereíña, a casa da bruxa e o pazo do príncipe. Explicar aos demais o por que do noso deseño, respectando a opinión dos compañeiros e valorando a creatividade. Posteriormente ao visionado da película, compararemos as nosas propostas cos deseños da Disney.
     * Xogar a cambiar as características dos personaxes de Andersen: que pasaría se o príncipe fose feo, se á Sereíña non lle gustase o mundo exterior, se ao príncipe lle gustasen os homes?...

POLGARIÑA

     O eixo central deste conto é a aceptación do diferente, polo que vai axudar aos cidadáns do futuro que temos nas nosas aulas a convivir nun mundo multirracial.

     * Tomar a medida de Polgariña, aproximadamente 4 cm., e buscar e medir distintos obxectos do contorno para confeccionar unha lista de cousas que son do mesmo tamaño.
     * Observar e comparar distintos tipos de sementes para facer, posteriormente, unha plantación. Podemos elaborar unha ficha para cada unha na que se vaian apuntado os cambios que sufre a semente e, posteriormente, a planta ao ir medrando (días que tarde en despuntar, centímetros que mide nas sucesivas semanas, cando lle saen as follas e as flores...).
     * Confeccionar un mapa no que apareza o percorrido e as distintas paradas que fixo Polgariña dende que saíu da súa casa ata casar co príncipe das flores.
     * Seguindo as pautas que aparecen no conto, imaxinar e poñer en práctica distintos xeitos de transportar aos compañeiros/as (carretilla, arrastrándoos, dacabalo, en brazos...).
     * Transcribir e gravar nunha cinta as onomatopeas de animais que se nos ocorran.
     * Debuxar como vería Polgariña a nosa escola, o patio, as montañas... cando ía voando enriba da andoriña, tendo como obxectivo o traballo da perspectiva e de nocións espaciais.
     * Inventar historias paralelas á de Polgariña imaxinando o que lles pasou á nai e á bolboreta que axudou á protagonista.

O SOLDADIÑO DE CHUMBO

     * Comparar e entresacar semellanzas e diferenzas deste conto co “Crebanoces” (versión reducida) de Hoffman, autor que foi un referente para Andersen e a súa literatura. Esta mesma actividade pode facerse comparando cun poema sobre este conto de Ana Mª Fernández recollido no libro A casa de había unha vez, insistindo nas diferenzas de formato, de estrutura e de léxico entre un texto escrito en verso e un en prosa.
     * Aprender a facer un barquiño de papel e xogar con el mentres contamos o conto.
     * Facer distintas experiencias nas que a auga sexa o elemento principal: facer pompas xigantes con auga e glicerina; probar se distintos obxectos flotan ou non; volver a probar pero engadindo sal na auga; construír unha montaña cun río e unha fervenza; observar os cambios no estado da auga...
     * Volver redactar a historia do soldadiño pero como se fose unha noticia que aparecese na sección de sucesos do xornal.
     * Construír o conto en forma de escenas fotografadas ou deseñadas e convertelo nunha fotonovela.

AS FLORES DA PEQUENA IDA

     Na infinidade de contos que escribe Andersen as flores, plantas e os animais son unha constante, así como a aparición de personaxes que se dedican a escribir historias (referencia a si mesmo) por iso traballar esta historia en concreto axudaranos a avanzar no coñecemento das peculiaridades do seu estilo.
     * Falar sobre a morte dos distintos seres vivos afrontándoa como outra fase máis da vida. Analizar os distintos momentos polos que pasa durante a súa vida un animal ou unha planta. Esta é unha boa escusa para analizar os cambios que sufre a natureza co paso das estacións.
     * Elaborar un mural no que vaiamos colocando distintas flores que irán traendo os nenos/as. Fixarémonos nos seus nomes, observaremos as súas partes e compararemos diferenzas e parecidos entre elas. Coñecer o contorno fomenta o interese dos nenos, a valoración e coidado do mesmo e unha mellora na autoestima dos pequenos xa que son capaces de moverse no seu contexto próximo cunha maior seguridade.
     * Inventar outras opcións fantásticas para sucesos naturais como cando neva, a area das praias, por que caen as follas..., como sucede coa explicación que o conto dá sobre por que murchan as flores.
     * Transformar este conto nun diálogo que podemos dramatizar na aula para favorecer a empatía e a mellora da expresión oral, piar dunha boa expresión escrita.
     * Conversar sobre as posibilidades do baile chegando incluso a aprender a bailar unha mazurca, muiñeira ou calquera outro baile popular.

     Confiamos en que esta parte do noso traballo vos sexa de interese e así o marabilloso mundo de Andersen se estenda polas nosas escolas.

O Grupo Andersen está formado por:
http://webs.uvigo.es/ageps/Andersen/somos.htm